Unha gavela de versos

Blog de poesía

Noticias y comentarios personales

PAPORROIBO

Escrito por jesustrashorras 09-04-2018 en POEMAS. Comentarios (0)

PAPORROIBO


Paxaro de papo roibo,

gran cantor das nosas fragas;

cando chega o mes de marzo

enches de sons a foresta.


Aínda ben non sae o sol,

escóitase o teu piar;

xa o astro rei retirado,

segues a nos aledar.


Variado é o teu cantar,

de cortexo ou de cría,

de defensa ou de ledicia...

Cadencias ben melodiosas.


Paxaro de papo roibo,

vasto é o teu repertorio;

non hai artista máis fino

nos nosos ríos e campos.


                                 J. Trashorras   09/04/2018


FOTO:http://www.rios-galegos.com/ave2121.htm#Habitats:






















LAVANDEIRA BRANCA

Escrito por jesustrashorras 09-04-2018 en POEMAS. Comentarios (0)

LAVANDEIRA BRANCA


Espelida e garbosa

é a lavandeira branca.

Pequena mais rabilonga,

camiña con elegancia.


No seu andar fachendoso,

con donaire move o rabo,

polas beiras dos regatos

ou entre o medio do gando.


De danzarina, o seu voo,

abofé que é singular;

sempre subindo e baixando,

por veces ficando queda.


O frío non lle dá medo,

mesmo aniña no inverno;

por iso tamén lle chaman

a paxariña das neves.


Lavandeiriña bonita,

donaire feito paxaro;

non hai ave na contorna

que en requintada che gane.


                          J. Trashorras   09/04/2018


FOTO: http://www.rios-galegos.com/ave8.htm












A PÍNTEGA

Escrito por jesustrashorras 30-03-2018 en jesustrashorras. Comentarios (0)

A PÍNTEGA


Suave e relucente pel

cor negra, amarelas pintas,

dos terreos secos fuxe

en busca sempre de auga.


Polo día estar quere

debaixo de follas secas

sempre en húmidos paraxes

entre a maleza agochada.


Coas súas grosas patas

paseniño se desliza

coma unha fermosa dama

polo medio da foresta.


En chegando a noitiña

áxil sae a cazar

vermes e demais bichocas,

ata o día clarear.


O verán nada lle gusta,

é o outono o preferido,

estación de namorar,

o seu amado, atopar.


Para facer o amor,

a gorxa deixa frotar

polo amante con fervor

nun ardoroso abrazar.


Sapagueira, sacarrancha

o monte de bechos limpa,

de nós, ruín trato leva,

sen ser del, merecedora.


Mais a lúa, súa amiga,

por ela sente tenrura

e cando se achega a aurora

cantarlle ha, unha nana.


                       J. Trashorras

RÍO AZÚMARA

Escrito por jesustrashorras 08-03-2018 en POEMAS. Comentarios (0)

RÍO AZÚMARA

Azúmara,

teu berce Montecubeiro,

Padrairo mais Pena Grande.

A chaira agarda por ti,

Pol e Castro de Rei:

Vellas pontes e muíños,

aciñeiras e breixeiras...

para en Coea fundirte

co pai de tódolos ríos.

Miño, que te ha de levar

ata lusitanas terras

na procura do gran mar.

                   J. Trashorras 17/08/2017


FOTO: O Azúmara ao seu paso por Castro de Rei.


RÍO MIÑO

Escrito por jesustrashorras 08-03-2018 en POEMAS. Comentarios (0)

RÍO MIÑO


de cerna atlántica

silandeiro e manso

pai de ríos

auga do Pedregal de Irimia

azul que escorre

polo desbravado verde

nós contigo

perdéndonos no discorrer da historia

polo rego da ignominia

dunha Galicia desertora

sumida nos encoros do desleixo

e ti mudo pai noso

e nós mudos


                                     J. Trashorras  21/02/2017


FOTO: O Miño ao seu paso por Lugo.